RUTA DA SEARA-A GOLADA-PÍA PAXARO-A SEARA

PERCORRIDO APROXIMADO: 10,5 km
DIFICULTADE: media/alta
TEMPO ESTIMADO: 5 horas


ATENCIÓN!: Este é un sendeiro que discorre na súa meirande parte pola montaña.

É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN E O NIVEL DE CADA PERSOA.

Este itinerario permite gozar dalgúns dos panoramas máis espectaculares da serra do Caurel e pasar por terreos que agachan unha gran riqueza de flora e fauna, como os bosques da Campa do Corzo e a Devesa do Val, para rematar na aldea da Seara á que se baixa polo camiño da fonte das augas medicinais.
O comezo está situado no alto da Golada, onde cambian as augas do val do Soldón para o val do Selmo, na estrada que une Quiroga con Ferramulín. O desvío que debemos tomar para o inicio da nosa camiñada parte á esquerda segundo vimos de Quiroga. Aos 300 m a pista ramifícase en dous e debemos coller o camiño da dereita ata chegarmos ao lugar coñecido como Val da Cruz, emprazado a 1,2 km do desvío. Esta sección do camiño salva unha forte pendente. No quilómetro 1,8 pasamos polas proximidades da Campa do Corzo, nas faldras do monte coñecido como Cu de Galo.

Outro medio quilómetro máis de percorrido e entramos na Devesa do Val, coroada polo alto coñecido como Cabeza de Home. Neste bosque autóctono predominan os bidueiros, mesturados con outras especies como rebolos, acivros, carnabudos e o chan tapizado de arandos. Cruzamos a pé o regato Carrozo do Val para saírmos no quilómetro 3 ao Chao do Campo. Nesta pequena campa atopámonos cunha encrucillada de camiños: -o da esquerda leva cara á Cruz de Outeiro e -o da dereita ao monte Pía Paxaro, Vilarbacú e A Seara. Tomamos o da dereita e ao andarmos uns 100 m aparece un novo desvío pero seguimos de fronte. Despois doutros 50 m veremos un desvío á dereita, é o antigo camiño das Augas Minerais, procedente da Seara, que será o que collamos de volta. Para chegarmos ao cumio do Pía Paxaro temos que seguir pola pista principal sen apartármonos dela ata o lugar coñecido como a Campa do Abedul, punto no que collemos a pista cara á esquerda en descenso e novamente á esquerda para ascendermos ata o punto máis alto do monte, inconfundible polo vértice xeodésico e a caseta de vixilancia. Despois de visitarmos o cumio do monte, retornamos ao Chao do Campo empregando a mesma pista, para situármonos no inicio do camiño das Augas Minerais e rematarmos a ruta na aldea da Seara. 
No primeiro quilómetro e medio de descenso, ata as proximidades das fontes, o camiño baixa por unha empinada pendente. Unha vez que chegamos ao Chao das Augas Minerais, para accedermos aos mananciais só teremos que andar uns 30 m por un sendeiro que aparece á dereita e baixa cara ao regato do Fócaro. A primeira fonte que atopamos é de augas ferruxinosas e uns metros máis adiante hai outra de auga calcaria. Seguimos baixando entre valados de pedra. Despois de camiñarmos entre o monte baixo preto dun quilómetro, dende as fontes, cruzamos o regato do Fócaro, bordeamos o teso de Pena Corval e descendemos en dirección á Seara pasando polo lugar do Golado, onde está o manancial denominado fonte dos Enfermos, cuxas augas se recomendan para tratar as doenzas gastrointestinais. O camiño xira de novo para saírmos aos poucos metros á estrada e á aldea da Seara, onde remata a ruta.


2 comentarios:

  1. Estimados sres.:

    En primer lugar felicitar por este blog, donde se exponen muchas rutas por el concello de Quiroga que sin duda animan a todas las asociaciones que, como nosotros, desean conocerlo realizando actividades de senderismo.
    El motivo de la presente era preguntar el estado de esta ruta en concreto en la parte del camiño das augas minerais, ya que hace ya unos dos años realicé la ruta y esta parte estaba practicamente cubierta de maleza. Queríamos volver a realizarla en breve.

    Muchas gracias por su atención
    Alejandro González
    Club Excursionista Acivro
    Tf. 626948966
    e-mail: alexinas11@gmail.com

    ResponderEliminar
  2. Non entendo como pode seguir aparecendo esta ruta se ten treitos como "o chao das augas medicinais" nun estado imposible de realizar, estarei sempre a favor da recuperación dos antigos camiños, pero non serve publicitar por publicitar.

    ResponderEliminar