RUTA DO PREGAMENTO XEOLÓXICO DE CAMPODOLA. LEIXAZÓS-CAMPOS DE VILA

PERCORRIDO APROXIMADO: 8,5 km
DIFICULTADE: media
TEMPO ESTIMADO: 4 horas

ATENCIÓN!: Este é un sendeiro que discorre na súa meirande parte pola montaña e non sempre se atopa nas mellores condicións.

É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN FÍSICA E O NIVEL DE CADA PERSOA.


Na estrada de Quiroga a Folgoso do Caurel foi aberto recentemente un miradoiro que permite contemplar o pregamento de Campodola, un dos accidentes xeolóxicos máis singulares de Galicia e de toda a Península. O gran pregamento de cuarcita e lousa pode ser observado de cerca e desde unha perspectiva moi diferente grazas a un antigo camiño que une Quiroga coas aldeas de Campos de Vila, Campodola e Leixazós. O carreiro pasa xustamente por baixo da espectacular formación xeolóxica.
A ruta comeza na aldea quiroguesa de Leixazós, a cal se atopa no fondo do estreito val do río Ferreiriño e rodeada dun espeso bosque de castiñeiros. Esta localidade conserva en bastante bo estado a súa arquitectura tradicional, caracterizada por amplos corredores e balcóns de madeira.
Este antigo camiño une as localidades de Leixazós coa próxima aldea de Campodola, segue despois cara a Campos de Vila e finaliza en Quiroga. Por este camiño transportábase en carros a madeira que foi en tempos un importante recurso para os veciños da zona.
O camiño arrinca na parte baixa da aldea de Leixazós e a última construción que deixamos á nosa dereita é a capela da aldea. Entramos nun extenso souto de castiñeiros e empezamos a baixar ata as proximidades do río Ferreiriño. Logo de ½ quilómetro de percorrido, saímos da espesura do bosque e xa temos as primeiras vistas panorámicas do pregamento xeolóxico á esquerda. Agora o camiño faise plano e discorre entre monte baixo ata as proximidades da aldea de Campodola. No quilómetro dous chegamos a unha bifurcación e o carreiro da dereita sobe á localidade de Campodola, distante 200 metros. Tomamos o da esquerda que nos leva ao pregamento xeolóxico e á localidade de Campos de Vila.
Baixamos en dirección ao río Ferreiriño para cruzármolo, aos poucos metros, por unha ponte de madeira. Ao longo de 500 metros, a ruta discorre por un bosque autóctono no que predomina o castiñeiro. A medida que ascendemos pola ladeira o camiño vaise afastando do río Ferreiriño, que corre polo fondo dun estreito val cuberto dunha densa vexetación e que vai formando varias fervenzas e saltos de auga. Máis adiante, o bosque dá paso a unha zona de monte baixo onde abundan as breixeiras e os érbedos. Neste tramo, formacións rochosas de grande altura elévanse verticalmente sobre os bordos do camiño, que nalgúns treitos foi escavado directamente na rocha e reforzado con muros de pedra. Estamos no lugar ideal para contemplarmos este monumento xeolóxico en toda a súa amplitude.




Ver Ruta do pregamento xeolóxico de Campodola en un mapa más grande

No hay comentarios:

Publicar un comentario